teu futuro xefe interesaralle, en breve, saber que escribiches no teu blog na Rede. Hai algunhas advertencias en Internet sobre a cuestión, e o problema está a provocar unha moderada sorpresa, xa que dalgunha maneira todo o mundo agardaba este andazo de curiosidade case morbosa por parte daqueles que deciden quen entra e quen non nos departamentos das empresas. Por onde andan en Internet? Que escribiron? Cales son os seus gustos e as súas ideas políticas? Son guiadiños ou, pola contra, aproveitan os seus blogs para protestar contra o que consideran inxusto?
Para os empregadores, que moi posiblemente xustificarán a actitude autoinformativa (bordeando a liña editorial de Salsa Rosa) coa escusa de que os blogs dos hipotéticos empregados son espazos públicos, é fundamental rastrexar os nomes en Myspace, Facebook ou Friendster. En redes sociais e buscadores de blogs. Polo visto, foron as universidades de Estados Unidos a primeiras en advertir desta práctica. Deste xeito, estes centros educativos xa lles pediron os seus alumnos o mesmo que lles piden cando se poñen ó volante un sábado pola noite: moita precuación. É dicir: coidadiño co que se pendura de vós na Rede ou co que pendurades vós mesmos. Tendo en conta a vaga de conservadurismo que restrinxe as capacidades intelectuais de moitos estadounidenses, hoxe en día daría igual ter o mellor expediente académico e a mellor disposición a desenvolver o teu traballo da mellor maneira posible se hai algún xefe de departamento de recursos humanos que che ve nunha fotografía bicando a unha persoa do teu mesmo sexo. Non sería de estrañar que nunha entrevista de traballo che preguntasen o porqué de escribir esta ou aquela cousa en Internet. A cuestión é: paga a pena traballar nunha corporación desas características?