Os dominios europeos co sufixo .eu, tras catro meses de pre-rexistro, ábrense ó público en xeral para ser atendidos por orde de chegada, nunha estrea que está a resultar catastrófica, con fallos constantes nos servidores da entidade que os organiza, de xeito que no momento de escribir estas liñas é totalmente imposible consultar a listaxe de rexistradores nos que se poden contratar os dominios europeos nin comprobar a dispoñibilidade dos dominios que nos interesen.
Ata o momento só podían solicitar o dominio europeo as entidades que puideran demostrar que teñen marcas ou nomes corporativos que puideran ampararse baixo o .eu, realizándose unhas 340.000 solicitudes das que 240.000 resultaron aprobadas e unha décima parte das mesmas xa contan cun dominio europeo activo.