Os investigadores galegos demandaban máis. As novas tecnoloxías achegadas dende o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) levan trece anos abríndolles novos vieiros de traballo, pero a comunidade investigadora é unha familia que medra e medra, e os descubrimentos científicos son portas que se abren que levan a outras portas. Así o fixo saber Carlos Martínez, presidente de CSIC, este martes día 28 en Compostela: “A potencialidade de cálculo de centros como o Cesga estase a achegar ó límite, e estamos a piques de dar ese paso cualitativo que a sociedade investigadora demanda”. É nesa liña de “non ollar cara a atrás” onde hai que situar o Finis Terrae, o supercomputador que estará en activo no Cesga a partir do último trimestre de 2007. Deuse a coñecer na súa sede, nun acto no que participaron representantes das institucións e as empresas implicadas: Xunta, Cesga, CSIC, Intel e HP. Todos eles fixeron fincapé nisto: estamos ante un novo referente mundial de cálculo que se situará entre os vinte primeiros do ranking de superordenadores. O seu custo será de 60 millóns de euros e a capacidade oito veces maior cá actual.