A Xunta quere dar novos pasos a prol da administración electrónica e, en última instancia, a prol do afianzamento das novas tecnoloxías a tódolos niveis da sociedade galega. Así o manifestou Juan José Gómez Romero, director xeral de Calidade e Avaliación de Políticas Públicas, este luns no Parlamento. Ó seu xuízo, unha das prioridades do goberno galego é impulsar a sinatura electrónica, para o que se porán en marcha diversas actuacións referentes á posibilidade de realizar diversos trámites de maneira oficial a través de Internet.
Segundo Gómez Romero, a sinatura electrónica “está chamada a convertirse nunha ferramenta esencial para garantir a seguridade, tanto dende o punto de vista técnico como xurídico, en todos os trámites realizados entre as Administracións Públicas e os cidadáns”. Deste xeito, manifestou, proximamente publicarase un Decreto co obxectivo de facer máis doado o recoñecemento dos certificados dixitais emitidos por autoridades de certificación que xa contan cunha importante implantación en España.