O pasado sábado en Santiago de Compostela xuntáronse empresas e asociacións representativas da cultura e lingua galegas para constituír a Asociación PuntoGal, que pretenderá acadar a consecución dun dominio galego na Internet. A nova Asociación parte da promoción de grupos como a Real Academia Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Galicia-Hoxe, Vieiros, EGANET, ISOC-GAL, a Mesa pola Normalización Lingüística e outras entidades ás que se uniron outros medios de comunicación (coma Código Cero ou a asociación de televisións locais en lingua galega Onda Nós) e asociacións (agrupacións galegas de colexios profesionais ou organismos aglutinadores de empresas).
Durante a xuntanza aprobáronse os estatutos da Asociación e nomeouse unha Xunta Directiva composta polo Manolo González (da RAG) coma presidente, Camilo Regueiro (de Galego21) coma vicepresidente, Darío Janeiro (do Colexio Profesional de Xornalistas) coma secretario e Lois Rodríguez (de Vieiros) coma tesoureiro. A partires da constitución da Asociación, comezarán os traballos para presentar ante a ICANN unha proposta para a creación do dominio .gal para a cultura e a lingua galegas de xeito que se poida contar cun espazo na Internet diferenciado. As candidaturas para novos dominios de primeiro nivel na Internet poderían abrirse a finais de ano, de xeito que a proposta galega debería chegar ante o organismo regulador dos nomes de dominio na Internet durante o mes de xaneiro, polo que se procurará avanzar para poder chegar a tempo a esta oportunidade para a nosa cultura.